Saturday 11 de May de 2024

O Concello comeza o reparto domiciliario de mascarillas para toda a poboación de Ribeira


Esta tarde principiou a distribución polos fogares de Corrubedo

 

Na sesión de hoxe da Comisión do Seguimento da Evolución do COVID-19, o Concello de Riveira deu luz verde ao seu plan para o reparto domiciliario de mascarillas coa pretensión de alcanzar a toda a poboación do noso municipio.

Así, efectivos do GAEM e voluntarios de Protección Civil principiaron esta tarde este reparto por Corrubedo nunha planificación que se vai prolongar nos próximos días por outras parroquias rurais (Olveira, Artes, etc.) antes de afrontar os núcleos máis poblados.

O Concello dispón para tal fin de diversas clases de mascarilla (de tela, cirúrxicas, con filtro, sen filtro, etc…) froito tanto da adquisición con cargo aos seus fondos como da doazón doutras entidades ou empresas e da confección doméstica por parte do voluntariado local. De feito, hoxe agradeceuse unha nova entrega (a quinta xa dende o inicio do Estado de Alarma) por parte da Xunta de Galicia (360 mascarillas) ademais doutra pola Deputación da Coruña con preto de 4.000 mascarillas, mentres que na semana próxima está prevista a chegada, entre outras partidas, de 15.000 mascarillas por cortesía da empresa conserveira Frinsa.

Tamén se agradeceu na Comisión o labor da entidade Hilos Rojos, que se integra no programa de voluntariado de confección de mascarillas xestionado polo Concello, así como as aportacións de Lavandería Aida e Decoración Laguerzza. Así mesmo, González Montes vén de doar catro novos palés de conservas con destino ao banco de alimentos mentres que Bioambiental cedeu un equipo de desinfección.

Colaboración cos colexios
Noutra orde de cousas, cómpre sinalar que o Banco de Préstamo de Ordenadores para alumnado do municipio consta xa de nove equipos en cesión ou doazón e, para reforzar esta carencia, o Concello vai alugar 20 tablets co obxecto de poñelas a disposición de estudantes sen este tipo de recursos.

Así mesmo, está en xestións coa empresa local ToxoTelecom para proporcionar conexión internet a alumnado con esta necesidade de cara a súa formación a distancia.